viernes, 19 de mayo de 2017

Pasou o Día pasou a romería

Paso o día e pasou a romaría, o vello dito pódese aplicar sen complexos á presenza do galego nos medios de comunicación.
A problemática do galego existe en moitos aspectos da nosa sociedade, desde as estupideces que pode dicir unha concursante de televisión ata a seriedade necesaria á hora de decidir sobre o seu uso na escola. Eu prefiro falar de medios de comunicación por dous motivos. O primeiro, obvio, porque é o que coñezo. O segundo porque creo que é o que podería marcar unha diferenza no uso do idioma.


Supoñamos que este texto que escribo en galego de súpeto pasa al castellano para contar algo que pasó fuera de Galicia para volver despois ao galego, absurdo?. O Día dás Letras Galegas escoito nunha emisora de radio como o locutor, nun perfecto castelán, introduce a entrevista co presidente da mesa pola normalización lingüística, realízaa en galego para volver ao terminar coa mesma soltura ao castelán, menos mal que reciben subvencións porque pola contra nin a entrevista.
Esta anécdota denota a falta de implicación dos medios no uso do idioma. Moitas das entrevistas ao longo do ano realízanse en galego, na maioría dos casos porque o invitado úsao, así que un pregúntase porque non se usa todo o tempo. A resposta é complexa sobre todo porque ata onde sei non hai unha prohibición expresa, polo menos en radio, do seu uso.
Por unha banda estou convencido de que moitos locutores non teñen claro porque non fan todo  o programa en galego, falaron sempre en castelán e o uso do galego é un recurso e non unha ferramenta principal. Por outra banda segue existindo un sentimento inconsciente de que certos temas non "soan igual" en galego, inconsciente porque se se reflexionase veríase o absurdo que resulta pensar así.
Con estas premisas o seguinte problema é a falta de implicación daqueles que teñen capacidade de decisión e que deberían de ser os que definisen o uso do galego nos seus respectivos medios, si o locutor non pensa en facelo terá que ser o seu superior o que llo diga. O último problema, e o máis grave, é a falta de conciencia na administración; un pode entender, nunca compartir, que as axudas ao uso do galego sexan moeda de cambio pero xa que o fas polo menos esixe. Se esta ou aquela institución pública concede unha axuda o menos que debe esixir é que se use o galego, sobre todo porque non supón unha diminución na axuda recibida, non hai un "gasto" que reduza a axuda.
A principal ameaza do galego son os medios de comunicación. Con multitude de canles en castelán e un só en galego, con multitude de revistas, cómics, libros e xornais en castelán, con cada vez menos textos na escola, que teñamos na rede máis contidos que os que nos corresponderían polo número de poboación é un milagre. Internet pódenos salvar pero sen dúbida aos medios que traballan en Galicia débeselles esixir un uso mínimo do idioma.
Hai que apelar ao egoísmo dos escépticos. Con 217 millóns de persoas que falan portugués no mundo é imposible non ver a oportunidade, sobre todo con economías como as de Brasil, Angola ou o veciño Portugal que nos dá leccións cada día que pasa.

Hai anos comecei un programa de radio de dúas horas sobre a área metropolitana de Compostela e por decisión propia comeceino a facer todo en galego. Ao principio caéronme non poucos paus polos meus erros de vocabulario e de pronuncia pero aos poucos funo mellorando, sigo metendo a pata pero se algo aprendín é que os oíntes agradecen o esforzo e sobre todo que o uso do noso idioma nos medios é máis unha cuestión de vontade que de normativas.

No hay comentarios: